Convocatoria

Desde o ámbito pedagóxico de Climántica na Alianza EduCO2cean-Erasmus+, o IES Virxe do Mar, o grupo de investigación SEPA – Interea da Universidade de Santiago de Compostela e a Fábrica de Ciencia Viva e da Universidade de Aveiro (Portugal) convocan o Congreso virtual EduCO2cean-Erasmus+ 2017.

Este evento ten como obxectivo estimular aos estudantes para que participen como autores de produtos multimedia deseñados para sensibilizar á poboación sobre o cambio climático, o cambio global no océano e demais retos ambientais globais. Tamén permitirá seleccionar aos alumnos que participen no Campus Xuvenil Internacional CLMNTK-EDUCO2cean-Erasmus+ 2017, e que asistirán ao campus acompañados dos seus docentes orientadores na elaboración dos produtos multimedia. Estes docentes acompañantes integraranse no Seminario docente sobre o campus, aprobado en decembro de 2016, coa acreditación de 50 horas, polo Ministerio de Educación Ciencia e Deporte (MECD) a través do seu convenio coa Asociación Española Para la Enseñanza de las Ciencias de la Tierra (AEPECT)

Poderán participar alumnos de idades comprendidas entre 12 e 18 anos das diferentes comunidades autónomas españolas e doutros países europeos e latinoamericanos. Todos eles, de acordo coas bases establecidas nesta convocatoria, terán a oportunidades de ser seleccionados para representar aos seus centros educativos, comunidades autónomas e países no Campus Xuvenil Internacional que se celebrará na localidade portuguesa costeira de Aveiro entre o 2 e o 6 de setembro de 2017, cunha fase pre e post campus opcional en Galicia.

O congreso xuvenil internacional virtual desenvolverase nesta plataforma online congresovirtualeduco2cean.climantica.org na que se publicarán os traballos dos alumnos asesorados polos docentes. Os traballos poderán empezar a publicarse desde a publicación destas bases en www.climantica.org. O prazo finalizará o 31 de maio de 2017 ás 23:59 (UTC+01:00) horas do país no que se publique o traballo.

Coas orientacións dos traballos publicados na plataforma, os profesores adquirirán a oportunidade de participar no seminario aprobado e acreditado con 50 horas de formación do profesorado polo MECD en febreiro de 2017. A praza para participar obterase se un dos alumnos autores que orientou resultase seleccionado pola calidade do seu traballo, e participa acompañado dese docente, e será definitiva cando chegue a certificación do centro educativo da aprobación da participación deses alumnos co acompañamento de custodia por ese docente.

Durante o seminario, os docentes participarán cos alumnos en itinerarios, e durante o tempo no que os alumnos traballen en proxectos e en obradoiros, eles asistirán a conferencias, seminarios e talleres exclusivos para docentes. Durante o seminario tamén haberá actividades de análises, reflexión e investigación sobre a acción dos alumnos en proxectos e seminarios. O profesorado con alumnado seleccionado recibirá información detallada sobre o programa deste seminario.

Os produtos de sensibilización que teñan opcións de ser premiados, serán os de elaboración individual e en parellas. Para a selección terase en conta o potencial dos devanditos produtos para sensibilizar á poboación sobre o cambio climático e o cambio global no océano, e a necesidade da súa mitigación e adaptación. Tamén deberán incorporar na súa elaboración contidos científicos do ámbito das Ciencias da Terra relativos a:

  1. Evidencias do cambio climático, do cambio global no océano ou doutro reto ambiental
  2. Causas e consecuencias do cambio climático, do cambio global no océano ou doutro reto ambiental
  3. Propostas de mitigación e adaptación

Os produtos de sensibilización tomarán como referencia os seguintes ámbitos de comunicación escalar:

  1. Poesía
  2. Relatos
  3. Bandas deseñadas
  4. Debuxos
  5. Pósteres ou deseño gráfico
  6. Memes e gifs animados
  7. Videoclips con música e/ou letra de autoría propia
  8. Presentacións ou vídeo – presentacións con fotografías orixinais comentadas para sensibilizar ou con explicacións de procesos, sucesos ou conceptos ambientais
  9. Vídeos con representacións teatrais de autoría propia
  10. Vídeos animados: stopmotion de fotos, de modelado de plastilina, maquetas, bonecos….
  11. Outros vídeos: Curtametraxes de ficción, documentais, anuncios publicitarios…
  12. Reportaxes multimedia